As estacións (季節)



Cando os galegos preguntamos a alguén de fóra de Galicia como é o seu país, normalmente facemos preguntas sobre a lingua, a comida, os costumes relixiosos, os medios de transporte ou o traballo. Pódenos sorprender que un xaponés nos pregunte: «No teu país hai 4 estacións?». Aínda que a nosa resposta automática sexa «Faltaría máis, por supostísimo que en Galicia temos 4 estacións», a verdade é que os nosos cambios climatolóxicos e de paisaxe entre estacións non son tan salientables como os nipones.

Dende a nosa asociación imos propoñer unha serie de actividades anuais relacionadas coas diferentes estacións, a súa climatoloxía, os festivais e, o máis importante, as relacións que atopamos entre ambas culturas.

As estacións

(Fuyu) Inverno:

No inverno no Xapón, os días son curtos e apenas chove. 
A presenza dunha corrente de ar frío siberiana fai que neve acotío, aínda nas costas do Mar do Xapón. Na costa do Pacífico os días son fríos e soleados. En xaneiro podemos ter temperaturas de 0 ºC en Tokyo ou de -4 ºC en Sapporo. Entre as festividades con máis sona está o aninovo, chamado Oshogatsu (正月), que abrangue as festas de despedida de ano e de benvida de ano, das que xa falaremos en futuras entradas.

(Haru) Primavera:


É a estación máis coñecida polos viaxeiros polo famoso Hanami (花見), ou ir a mirar as flores das cerdeiras. 
A paisaxe transfórmase de oeste a leste de forma paulatina acompañada pola gradual subida das temperaturas. Celébranse festas como a Hina Matsuri (ひな祭り), Omizutori, Sagicho Matsuri...


(Natsu) Verán:


Xuño, xullo e agosto ben poderían chamarse choiva, húmido e calor.
A temporada de choivas chámase Tsuyu (梅雨) e é o resultado da colisión de dúas frontes, unha de ar tropical e outra de ar polar. No oeste alcánzanse temperaturas de ata 35 ºC, mais a sensación térmica por causa da humidade e moito maior. Nesta estación é cando se celebran festas como a Tanabata (七夕), entre outras.


(Aki) Outuno:


No outono as temperaturas no Xapón son frescas e a tempada de choivas vai cesando; o contrario do outono galego, no que apenas está a comezar. É a época do Momiji ou Koujou (紅葉), nome que recibe o feito de os bosques do Xapón enchérense de cores vermellas e parecer que as árbores están a arder  (como veñen dicindo os seus kanji: 木+火=秋).  En Tokyo as temperaturas abanean polos 18 ºC.

Comentarios

Publicacións populares