O Taiko 「太鼓」
Taiko「太鼓」significa
literalmente “tambor grande”. É un tambor xaponés, percutido
polo xeral mediante baquetas de madeira denominadas bachi「桴」.
Actualmente denóminase do mesmo xeito á percusión de orixe
xaponesa wadaiko「和太鼓」.
Hai moitos tipos de taiko distintos e cada tambor ten un son único e
mais unha función específica.
Especúlase
sobre o feito de o taiko ter chegado a Xapón coa introdución do
budismo contra o s. VI da nosa era vía Corea e China. A evidencia
física máis antiga é unha figura de haniwa 「埴輪」(esculturas
de terracota colocadas ó redor das tumbas dos soberanos xaponeses)
dun tambor que data do s. VI ou VII.
O
taiko era utilizado tradicionalmente tanto en festas e bailes,
especialmente Bon-Odori, coma en entornos bélicos e aínda
relixiosos (como acompañamento ós cantos de sutras), etcétera.
Xa
no Xapón da era feudal, aló polo s. XII, o taiko foi empregado na
guerra para arredar e amedrentar o inimigo, transmitir ordes ou
avisos. Ó responsable a cargo de transmitir as devanditas ordes
mediante o instrumento denominábaselle Yaku. Os compases e os tempos
indicábanlle á tropa se cumpría continuar, deterse, retroceder,
etc.
O
uso do Taiko actualizouse despois da 2.ª Guerra Mundial polo batería
de jazz xaponés Daihachi Oguchi, quen reinterpretou unha antiga
partitura do santuario de Suwa e creou un set de tambores estilo
taiko a modo de batería. Desa forma naceu o grupo de tambores
(kumidaiko) 「組太鼓」e
o taiko converteuse no primeiro estilo musical nativo xaponés que se
difundiu polo mundo.
Daihachi Oguchi (1924-2008) |
TIPOS
DE TAIKO
Os
Byou-uchi-daiko「鋲打ち太鼓」tallábanse
tradicionalmente nunha soa peza de madeira.
Como
eran de grandes dimensións, adoitábase empregar madeiras de árbores
grandes dun mínimo de
douscentos anos de vida. O máis grande xamais producido precisou
dunha árbore de 1200 anos de idade. Porén, por mor dos recentes
problemas de deforestación e medio ambiente hogano empréganse novos
métodos de construción. As membranas fanse de pel de gando e unha
vez tensas non se poden voltar axustar ou afinar. Dentro
dos byou-daiko atopamos os seguintes:
Nagado-daiko: comúns en festivais de templo e santuarios. |
Hira-daiko. |
Odaiko: nagado-daiko de grande tamaño. |
Os tambores
Shime-daiko 「締め太鼓」
son
aqueles que se tensan con corda, de forma que é posible afinar e
axustar o ton. Inclúense en percusións utilizadas no noh, kabuki,
kumi-daiko, etc. O nome vén de shimeru 「締める」,
que significa “tensar” o “axustar”.
Shime-daiko: emprégase para música en teatro noh ou kabuki. |
Okedo-daiko: está feito con unións de madeira e non dunha soa peza. |
Como
case tódalas cousas no Xapón, existe unha lenda coa que a xente
tenta explicar a orixe do taiko. A lenda da creación do taiko comexa
con Amaterasu.
Izanagi
e a súa muller, Izanami, son os deuses da mitoloxía xaponesa ós
que se lles atribúe ter creado as 8 illas que conformaban o Xapón.
Tamén enxendraron moitas deidades, entre elas Amaterasu 「天照」.
Ela era a deusa do sol e foi enviada a vivir no alto do ceo para que
puidese levar a luz e a calor a todo o Xapón.
Izanagi
e Izanami tiveron outro fillo, Susano-wo,「須佐之男」,
deus da tormenta que foi desterrado ó medio do océano para que non
danase as preciosas illas nin a súa xente.
Un
día Susano-wo foi visitar a súa irmá ó seu territorio, pero deu
en arremedar a tódalas
persoas que alívivían. Despois de moitas pelexas, arrepiada e
alporizada co seu irmán, Amaterasu baixou da aba no ceo e recluíuse
nunha cova na terra, co que sumiu todo o Xapón nas tebras e privou á
xente do sol.
Segundo
os días pasaban, a luz non voltaba, polo que os habitantes do Xapón
foron lle pedir axuda ós demais deuses. Foi Ame-no-Uzume, deusa da
felicidade, quen argallou un plan. Toda a xente preparou unha festa
fóra da cova, cantando e bailando, tentando atraer a Amaterasu cara
ó exterior, pero non deu resultado.
Entón, Uzume tumbou un tronco
oco e comezou a bailarlle enriba. Todo o mundo quedou marabillado cos
sons que saían do tronco. Amaterasu, presa da curiosidade,
non puido evitar asomarse ó exterior. A xente agarrouna rápidamente
para que se unise ó baile, co que a luz e mailo sol voltaron ó
Xapón.
Dende entón, o taiko utilízase para transmitir ledicia e
felicidade por todo Xapón.
Comentarios
Publicar un comentario